A Xunta fomentará o emprego cunha inversión de 113 millóns
26.05.2010Traballo reformulará a Risga para que sexa un “verdadeiro instrumento de inclusión social” en Galicia
A semana que será, previsiblemente, decisiva nos avances da reforma laboral comezou en Galicia cun acordo entre a Xunta, patronal e sindicatos polo que se comprometeron, segundo aseveraron as tres partes, fomentar a contratación indefinida e incentivar a temporal para potenciar o emprego e a estabilidade dos postos de traballo, ademais de mellorar o servizo público de emprego.
Para iso, a Xunta destinará 113,2 millóns de euros no período 2010-2013 ao fomento dos contratos indefinidos, a transformación dos temporais en fixos e dos contratos eventuais co obxectivo de beneficiar a 24.000 persoas.
Aparte, investirá outros 52 millóns no mesmo período co fin de aumentar a eficacia do servizo público de emprego de Galicia para a súa transformación nun “instrumento de confianza” respecto á inscrición de demandantes, a súa clasificación e aos procesos de orientación, intermediación, apoio e formación.
Así o explicou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nunha rolda de prensa onde, acompañada polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, detallou os preacordos alcanzados nas mesas do diálogo social en materia de políticas activas de emprego e mellora da competitividade empresarial, ámbito do sector téxtil.
Entre as políticas activas de emprego, Mato destacou, ademais, as orientadas ao sector téxtil e concentradas no programa Empregatex, co que a Xunta aspira a recolocar entre 2010 e 2012 uns 500 traballadores deste ámbito de produción que se viron afectados pola crise económica.
COLECTIVOS VULNERABLES
A titular de Traballo e Benestar considerou que o emprego debe ser a “primeira das políticas sociais”, polo que subliñou que a Xunta prestará unha atención especial aos colectivos máis vulnerables, cuxa definición consensuaron onte.
Trátase dos parados de longa duración, os que esgotaron a súa prestación por desemprego, os que superen os 45 anos, mozas, vítimas de violencia de xénero, minusválidos e persoas en risco de exclusión social.
No ámbito dos servizos sociais, a conselleira destacou o preacordo para reformular a renda de integración social de Galicia (Risga) de forma que se converta, como sinalou, nunha “auténtica ferramenta de inclusión social” e non sexa unha mera subvención.
Os beneficiarios da Risga deberán cumprir un programa formativo personalizado para percibir a axuda. Trátase, como expuxo Mato, de que reciban unha prestación para a súa supervivencia, ademais dos medios para abandonar esa situación de risco de exclusión social.
O titular de Economía e Industria apuntou a creación dunha nova liña de apoio ao circulante, que se suma, como indicou, ás de capital e refinanciamento de pasivos, orientada a pequenas e medianas empresas e autónomos.